07/02/13

Xeórxicas do pan de Ramón Otero Pedrayo


Publicadas pola Editorial Galaxia, a Fundación Ramón Otero Pedrayo, a Fundación Penzol e co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, estas Xeórxicas do Pan de Ramón Otero Pedrayo son o resultado da investigación levada a cabo por un equipo dirixido polo profesor Manuel S. Fernández Álvarez (Manuel Forcadela) do GAELT e coa participación das bolseiras Ana Belén Crespo e Silvia Penas. Trátase dun longo poema de máis de 2.300 versos na súa versión máis ampla e que se edita (en edición de Silvia Penas) nas tres versións encontradas, xunto con reproducións dos manuscritos orixinais así como de debuxos do autor. Trátase dun achado extraordinario que vén subverter a idea que tiñamos de Otero Pedrayo como poeta así como alterar a paisaxe literaria do seu tempo, tal e como foi concibida até agora pola historiografía literaria. 
O libro será presentado o vindeiro venres día 15 de febreiro de 2013 na Casa da Cultura de Vigo (sita na Praza da Princesa) ás sete da tarde, coa participación de todas as entidades implicadas.